Monday 29 de April de 2024

A Xunta inviste 83.000 euros no reforzo do firme na estrada AC-552 que une Paiosaco co núcleo da Laracha


— O delegado da Xunta na Coruña e o alcalde da Laracha supervisaron o resultado das obras

— A intervención enmárcase dentro do Plan de reforzos de firme impulsado polo Goberno galego, para a rehabilitación da capa de rodadura naqueles treitos das estradas que presentan maior deterioración

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde da Laracha, José Manuel López, supervisaron o resultado das obras de reforzo de firme na estrada da provincia da Coruña AC-552 , que une os núcleos de Paiosaco e A Laracha e que supuxo un investimento de 83.000 euros.

Concretamente, os traballos desenvolvéronse na travesía de Paiosaco co fresado e reposición de firme en 1,8 km dunha lonxitude total do tramo de 3 km. Ademais, a actuación contemplou a reposición de sinalización e o pintado, que se levará a cabo a semana que vén. Esta actuación favorece a circulación en condicións adecuadas de seguridade e fluidez e evita o proceso de degradación das características funcionais ou estruturais dos elementos desta estrada AC-552.

Trenor explicou que esta intervención se inclúe no contrato de obras de conservación e mantemento das estrada de titularidade da Xunta, onde se afronta a conservación común e rehabilitación de firmes da rede autonómica.

No marco do Plan de reforzos de firme impulsado polo Goberno galego, promóvese a rehabilitación da capa de rodadura nos treitos das estradas que presentan maior deterioración.

A Xunta continúa así traballando na conservación e mellora das estradas autonómicas coa fin de reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios na condución, así como contribuír á durabilidade do bo estado do firme.